Pasar al contenido principal

O CPEIG premia a Francisco García Morán pola súa Traxectoria Profesional

Francisco García Morán

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2014.- O conselleiro xefe en TIC e ex-director xeral de Informática da Comisión Europea, Francisco García Morán, recibirá o premio Traxectoria Profesional, que concede anualmente o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). O galardón entregarase no decurso da sexta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o vindeiro mes de xuño en Santiago.

Coa concesión do premio a García Morán, o CPEIG quere poñer de manifesto a relevancia da profesión informática nos máis altos niveis de decisión, a prol dunha administración pública con garantías de interoperabilidade e seguridade.

TRAXECTORIA

Francisco García Morán é licenciado en Matemáticas pola Universidade de Sevilla e en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid. A súa traxectoria comezou como profesor e enxeñeiro de Informática na Universidade de Sevilla. Despois de traballar durante varios anos no departamento de Informática do Ministerio de Educación e Ciencia e como responsable de diversos servizos informáticos na Junta de Andalucía, incorporouse á Comisión Europea en 1986, onde continuou traballando na área da Informática. 

En 2001 foi nomeado director de Informática da Dirección Xeral de Persoal e Administración. Foi artífice da creación da Dirección Xeral de Informática, encargada da definición da estratexia TI da Comisión Europea, da que foi responsable a partir de novembro de 2005 ata febreiro do pasado ano. En marzo de 2013 converteuse en asesor da Comisión Europea, en calidade de xefe de Informática, centrado en áreas tan importantes como o eGoberno, as estratexias dixitais e a seguridade TIC. Na actualidade traballa especialmente no apoio a Grecia para o desenvolvemento da estratexia dixital e do eGoberno grego. Tamén colabora na avaliación de proxectos sectoriais TIC para Grecia financiados con fondos estruturais europeos.

Exerceu como responsable do programa ISA (Interoperable Solutions for Public Administrations) e, representando a Comisión Europea, formou parte do Comité de Dirección de ENISA (European Network and Information Security Agency). Ademais foi membro do grupo de alto nivel HLEG (High Level E Transformation Group) do Banco Mundial e supervisor do CERT (Computer Emergency Response Team) desde 2012. Tamén representou a Comisión Europea ao máis alto nivel en múltiples conferencias internacionais.

Ao longo da súa traxectoria García Morán mereceu numerosos premios e distincións, entre os que destaca a Orde ao Mérito Civil, concedida polo Rei de España en 2010, polo seu labor profesional na administración pública.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.