Pasar al contenido principal

O CPEIG concede o Premio Colaboración Interadministrativa a Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, ao Nodo GalicIA da Xunta e ao Concello da Coruña pola creación da AESIA

Edificio La Terraza

A axencia ten a súa sede no edificio histórico de La Terraza, na cidade herculina, e entrará en funcionamento en outono para supervisar o cumprimento da normativa europea en materia de IA

O director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, e o concelleiro de Economía da Coruña, José Manuel Lage Tuñas,  recollerán o recoñecemento o vindeiro 16 de xuño na gala da ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Colaboración Interadministrativa da ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ neste 2023 a Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA), con sede física na cidade da Coruña, promovida pola Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial (SEDIA) do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital do Gobierno de España, en colaboración co Nodo GalicIA –-nodo galego de Intelixencia Artificial– da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia e o Concello da Coruña.

A Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA) é un organismo de control encargado de supervisar o cumprimento da regulación europea en materia de Intelixencia Artificial, adscrito á Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial (SEDIA) do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital do Gobierno de España,  supervisando algoritmos tanto do sector privado como público.

Os seus obxectivos son promover o desenvolvemento e uso responsable, sostible e confiable da IA; a concienciación, divulgación e promoción da formación; a definición de mecanismos de asesoramento e atención; a colaboración e coordinación con outras autoridades, nacionais e supranacionais, de supervisión da IA; o fomento de contornos reais de probo dos sistemas de IA para reforzar a protección dos usuarios e minimizar os riscos que pode traer a IA en campos como a seguridade, a intimidade e a saúde das persoas, así como sobre os demais dereitos fundamentais.

A sede física da AESIA estará na Coruña, en concreto, no Edificio La Terraza, un edificio histórico inaugurado en 1922, de estilo ecléctico-modernista, situado nos xardíns de Méndez Núñez. Nesta elección interviñeron o Nodo GalicIA da –-nodo galego de Intelixencia Artificial– da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia e o propio Concello da Coruña, co apoio de grandes empresas tecnolóxicas internacionais e españolas. 

Prevese que entre en funcionamento en outono de 2023. España convértese así no primeiro país da Unión Europea cunha axencia estatal de supervisión da IA, antepoñéndose á entrada en vigor do futuro regulamento aplicable aos sistemas de IA, que establecerá a necesidade de que os Estados membros conten cunha autoridade supervisora nesta materia.

Os galardóns entregaranse na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O director da División de Planificación y Coordinación de Ciberseguridad da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial (SEDIA) do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital do Gobierno de España, Miguel A. Amutio Gómez; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia e representante do Nodo GalicIA, Julián Cerviño; e o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior do Concello da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, recollerán a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.