Pasar al contenido principal

Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, nova Colexiada de Honra do CPEIG

Amparo Alonso, Colexiada de Honra do CPEIG

“A AESIA na Coruña sitúanos nunha posición destacada na supervisión da IA en España e Europa, e está na nosa man o poder impulsarnos como un centro relevante en tecnoloxía”

Recollerá o recoñecemento na gala da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Colexiada/o de Honra da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” neste 2023 a Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña (UDC). O Colexio outórgalle esta distinción por ser unha das “máximas referentes e pioneiras en España no uso de Intelixencia Artificial (IA) aplicada ás ciencias sociais”, centrándose en tres grandes bloques temáticos: os aspectos básicos da IA, os esquemas e modelos de aprendizaxe automática, e a enxeñería do coñecemento. Ademais, o CPEIG destaca o traballo de Amparo no fomento das carreiras STEM entre as nenas e mozas. “É unha institución a nivel nacional e internacional no ámbito da IA, e non só no seu desenvolvemento, senón no establecemento de principios éticos. Foi fundamental na consecución da sede da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA) en Galicia” –sinala o presidente do CPEIG– Fernando Suárez.

Amparo Alonso recibe este premio “con responsabilidade e moita ilusión”, un recoñecemento do CPEIG que a anima a seguir traballando e mesmo a emociona pola apreciación do seu traballo na Informática, “un campo con persoas innovadoras e creativas, das que agora me sento se cabe máis honrada de pertencer, e para o que continuarei contribuíndo ao avance continuo da profesión”. 

Beneficios e riscos da IA

A experta explica que a IA é una tecnoloxía transversal presente na maioría dos campos que permite, por exemplo, unha medicina máis preditiva, preventiva e personalizada, a través dos sistemas de diagnóstico que poden detectar patróns de enfermidades nos seus estados incipientes e tamén polas súas contribucións ao proxecto Xenoma Humano, ou o sistema Alpha Fold para o descubrimento do pregamento de proteínas, a asistencia no descubrimento de fármacos, etc. Engade que a IA permite tamén unha aprendizaxe máis personalizada, tendo en conta os patróns de aprendizaxe persoais do alumnado, unha optimización dos procesos industriais, unha diminución no uso de pesticidas e herbicidas a través dunha agricultura intelixente permitindo unha maior sostibilidade.

En canto aos risco, Alonso apunta que teñen que ver co manexo dos datos en masa, de forma que pode afectar a dereitos humanos como a privacidade, a aparición de desigualdades por sesgos nos datos, e tamén polo avance desigual da tecnoloxía nos diferentes países, que creará diferencias económicas e de benestar social, xa que tamén inflúe no cambio de escenario de emprego. “Algúns postos de traballo desaparecerán pola automatización, outros cambiarán a forma de realizar as tarefas, e aparecerán outros novos. Para enfrontar esta situación serán necesarios cambios na educación e que os gobernos saiban xestionar a situación” –asegura–.

A catedrática considera que actualmente a sociedade percibe a IA con expectación e con interese en canto a certas aplicacións en áreas de saúde, educación ou medio ambiente, e quizais tamén con certa preocupación polas noticias, ás veces preocupantes, que saen en diferentes medios de comunicación con respecto á regulación e a súa influencia no emprego. “É importante facer unha boa divulgación dos temas relacionados coa IA desde todos os estamentos, cunha visión profesional e razoada, tanto das posibilidades da tecnoloxía como dos retos aos que se enfronta e os risco que pode traer e que é necesario afrontar” –explica–.

A Unión Europea foi pioneira en apostar pola necesidade dunha IA ética e, polo tanto, de propoñer unha regulación. España situouse como país pioneiro na UE na proba desta proposta de regulación. Unha das medidas é a creación de axencias de supervisión da IA en todos os países, e a primeira delas foi a AESIA, con sede na Coruña. Amparo Alonso explica que esta axencia sitúa ao país nunha posición destacada na IA ética, posto que se poñerán en marcha pilotos e probas para comprobar que as aplicacións intelixentes, que poden ser consideradas de risco en empresas e administracións públicas, cumpren coa regulación europea, a divulgación da IA ética e sostible, etc. “A AESIA na Coruña sitúanos nunha posición destacada na supervisión da IA en España e Europa, e está na nosa man o poder impulsarnos como un centro relevante en tecnoloxía, aproveitando esta situación e usando o coñecemento das nosas universidades e centros de investigación, ecosistema empresarial ou a Cidade das TIC” –engade–.

Adxunta ao reitor para a IA e coordinadora do Grupo LIDIA, Laboratorio de I+D en IA, da UDC

Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961) é catedrática de Universidade (2002) na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña (UDC). As súas liñas de investigación actuais son o desenvolvemento de modelos de Aprendizaxe Máquina Escalables, e a Intelixencia Artificial Confiable e Explicable, entre outros. É Licenciada en Químicas (1984) e doutora en Físicas (1988) pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi Posdoutoral Fellow no Medical College de Xeorxia, EEUU (1988- 1990), onde traballou en temas relacionados co desenvolvemento de Sistemas expertos para aplicacións médicas.

Foi vicedecana e coordinadora Erasmus (1999-2005), directora do Departamento de Computación (2007-2009), coordinadora da especialidade de Sistemas Intelixentes do Máster en Informática (2006-2007) e coordinadora do Máster Universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde (2016-2017) na Facultade de Informática da UDC. Actualmente é adxunta ao reitor para a Intelixencia Artificial (2019) e coordinadora do grupo de investigación LIDIA –Laboratorio de Investigación e Deserrollo en Intelixencia Artificial–.

Como investigadora publicou máis de 200 artigos en revistas científicas e congresos internacionais, libros e capítulos de libros. Participou en máis de 30 proxectos de investigación e transferencia competitivos autonómicos, nacionais e europeos.

Foi presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial desde 2013 a 2021. É miembro da “Reserve List” do Grupo de Alto nivel de Expertos Europeos en Intelixencia Artificial (AI HLG), desde 2018, e membro de European AI Alliance. Participou como membro do Grupo de Traballo en Intelixencia Artificial do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MINCIU), que colaborou na redacción da Estratexia Española de I+D+I en Intelixencia Artificial en 2018. Na actualidade, é membro de CAIA, a Comisión Asesora do Goberno en Intelixencia Artificial, desde 2020, así como membro do Comité Español de Ética da Investigación desde 2023. Tamén é Senior Member de IEEE e de ACM.

Recibiu varios premios, entre eles o Helena Rubinstein-UNESCO “Women in Science” en España e finalista europea (1998), Premio Galicia TIC á Innovación Dixital (2004), Premio Galicia TIC á Traxectoria Profesional (2019), Premio Josefa Wonenburger Planells da Xunta de Galicia (2020) e Premio Galega do Ano en 2020 do Grupo El Correo Gallego.

Os galardóns entregaranse na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. Amparo Alonso recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.