Pasar al contenido principal

O proxecto ‘Calvo Residuo Cero’, da compañía galega Grupo Calvo, recibe o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible do CPEIG

Premio ODS 2023

É unha iniciativa global para conseguir unha xestión sostible de todos os residuos xerados, tanto en fábricas como en oficinas, asegurando un mínimo impacto na contorna e a contribución efectiva a un proceso de economía circular

A responsable de Medio Ambiente e Prevención de Riscos de España, María Carreira, recollerá a distinción na gala da ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 16 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ ao proxecto ‘Calvo Residuo Cero’, unha das iniciativas de sostibilidade máis representativas de Grupo Calvo, compañía global de alimentación, especializada en conservas de pescado con sede en Carballo. O CPEIG sinala que esta distinción concédese a unha empresa emblemática como é Grupo Calvo en Galicia, “nunha categoría de tanta transcendencia como a da consecución dos ODS onde a informática é unha ferramenta fundamental para a conservación do medio ambiente”.

O proxecto naceu en 2017 nas fábricas que Grupo Calvo ten en Galicia estendéndose en 2018 e 2019 ao resto das súas plantas (Brasil e El Salvador). Forma parte da iniciativa ‘Compromiso Responsable’ de Grupo Calvo, con 21 obxectivos cuantificables a 2025 nos ámbitos de océanos, medio ambiente e persoas.

O seu principal obxectivo é conseguir a valorización do 100% dos residuos xerados nas fábricas e oficinas de Grupo Calvo no mundo en 2025. Ademais, trabállase na redución de plásticos dun só uso en fábricas e oficinas, analizando que residuos plásticos se estaban xerando e se era posible eliminalos. Así, en Madrid e Galicia elimináronse as botellas de auga de plástico evitando que 13.000 botellas vaian ao vertedoiro cada ano, e na fábrica de El Salvador elimináronse os cubertos de plástico dun só uso. “O proxecto arrincou cun 70% de residuo valorizado na fábrica de Carballo, e en torno ao 50% no resto das fábricas. Actualmente a porcentaxe de residuo valorizado a nivel global supera o 97% –apunta María Carreira Fernández, responsable de Medio Ambiente e Riscos Laborais de España e principal impulsora do proxecto ‘Calvo Residuo Cero’, que acudirá á gala de A Noite a recoller a distinción–.

A compañía ten outra serie de obxectivos asociados ao proxecto, como conseguir que máis dun 95% dos materiais que se poñen no mercado teñan a capacidade de ser reciclados, dato que na actualidade xa se superou conseguindo un 98% de materiais reciclados; e un segundo reto que é que o 85% de materiais sexan de orixe reciclada e certificada como sostible, estando aproximadamente xa nun 54%.

Ademais, a empresa conta cunha fábrica de bioprodutos en El Salvador que permite o total aproveitamento dos residuos xerados na fabricación de conservas de pescado converténdose en fariñas e aceites para a industria de alimentación animal e cosmética.

As fábricas de envases e produto terminado de Carballo conseguiron a certificación ‘Xestión Residuo Cero’ con nivel excelente en 2022
 
As dúas fábricas que Grupo Calvo ten en Carballo, de envases e de produto terminado, foron recoñecidas en novembro de 2022 co ‘nivel excelente’ da certificación ‘Xestión Residuo Cero’, concedida pola compañía de servizos de inspección e certificación Bureau Veritas. Grupo Calvo converteuse así na primeira empresa de conservas de pescado en recibir este recoñecemento en España.

Grupo Calvo (www.grupocalvo.com) foi fundado en 1940, e actualmente está presente en 67 países a través das súas tres marcas principais, referentes de alimentación de calidade, Gomes da Costa, Calvo e Nostromo, e conta con máis de 5.000 empregados e plantas de produción e envases en España, El Salvador e Brasil. 

Grupo Calvo asumiu 21 obxectivos, cun horizonte de cumprimento a 2025, en materia de xestión responsable en tres áreas clave para a organización: océanos, medio ambiente e persoas. Ademais, é asinante do Pacto Mundial das Nacións Unidas, está adherido ao Código de Boas Prácticas Mercantís na Contratación Alimentaria e é membro de Amfori, a principal asociación comercial global dedicada ao comercio aberto e sostible, entre outros.

‘Calvo Residuo Cero’ foi premiado por BASF e o Club de Excelencia en 2021 co galardón á mellor práctica de economía circular na categoría de Gran Empresa, e foi destacado co recoñecemento go!ODS á consecución do ODS 12 Produción e Consumo Responsable como exemplo de compromiso empresarial de impacto pola Red Española del Pacto Mundial, en colaboración coa Fundación Rafael del Pino.

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é o punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. Os premios da Noite corresponden nesta edición a trece categorías onde o corpo colexial recoñece as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.