Pasar al contenido principal

A Autoridade Portuaria da Coruña recibe o premio Iniciativa Empresarial polo proxecto Smart Port A Coruña

Smart Port Coruña

A Autoridade Portuaria da Coruña recibirá o premio Iniciativa Empresarial que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) polo proxecto Smart Port A Coruña. Trátase dun modelo pioneiro de xestión integrada a través da innovación, a intelixencia e as TIC desenvolvido pola Ute Avante Emetel-Altia cunha rede de socios expertos en I+D, como universidades e centros tecnolóxicos. O galardón entregaráselle no decurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que terá lugar o vindeiro 3 de xuño en Santiago de Compostela.

As dificultades para xestionar de maneira óptima o gran volume de procesos e operacións do seu día a día levaron ao Porto da Coruña a apostar por unha solución tecnolóxica a medida, que innova sobre solucións existentes nos ámbitos máis maduros e inclúe a investigación e o desenvolvemento de novas funcionalidades. Así, implantouse un contorno único que combina información, automatización e intelixencia e habilita a comunidade portuaria para o desenvolvemento de operacións e servizos dun xeito integrado, seguro, eficiente e innovador.

Xestión integrada e innovadora

O proxecto representou un investimento superior aos 4.700.000 euros e foi cofinanciado a través do programa operativo FEDER de Investigación, desenvolvemento e innovación por e para o servizo das empresas. A iniciativa converte o Porto da Coruña en pioneiro na implantación dun modelo de xestión integrada a través da innovación, a intelixencia e as TIC.

As claves nas que se basea Smart Port A Coruña son a captación e o proceso de datos e información a todos os niveis; a súa capacidade autónoma para transformar os datos en información útil que permite a toma de decisións en tempo real; e a súa capacidade de adaptación aos sistemas de xestións existentes, incorporándolles innovación e tecnoloxía para mellorar e facilitar o traballo de todas as persoas.